Amosar e ensinar a música e a danza tradicional Galega
A Banda de Gaitas "Os Castros" fundouse no ano 1992 e pertence á Asociación Cultural como un grupo representativo de todos os alumnos da escola de gaitas, que imparte clases polas distintas parroquias de Ames sumando cen alumnos con idades comprendidas entre os 3 e os 50 anos. Desde o comezo á actualidade pasaron por esta escola máis de mil alumnos.

A Banda actualmente está formada por 24 compoñentes. É unha banda tradicional galega, polo que todos os instrumentos que usan son galegos: gaitas de buxo, tambores, bombos e pandeiretas; aínda que nalgún caso se use algún instrumento non típico, como a caixa chinesa, para ornamentar algunha peza non tradicional, como pode ser unha rumba, unha polca ou un popurrí. De tódalas formas, o repertorio utilizado está composto por pezas típicas galegas: muiñeiras, xotas, pasodobres, alboradas, alalás, marchas procesionais, etc.

A súa función principal é amosar o folclore galego en festas populares, pasarrúas e todo tipo de romerías galegas. Tamén participa en numerosos festivais tradicionais e concursos organizados por outras asociacións:

-Festival da Banda de Gaitas de Cariño (A Coruña)
-Festival de San Xoan de Calo (A Coruña)
-Festival de fin de curso da propia escola

Así mesmo ten participado en distintos programas de televisión como:

-Programa Luar de TVG
-Concertos Fin do Milenio da TVG
-Galicia Enteira da TVG

E fóra da nosa terra ten participado en eventos como:

-LEÓN, Festival en Trobajo del Camino
-PORTUGAL, Festival de Alvaraes e Festas da Música en Cascais
-MADRID, Día de Galicia
-DINAMARCA, Festa Vikinga

Así mesmo, a Banda participa na Liga Galega de Bandas de Gaitas, organizada pola Federación Galega de Bandas da Deputación de Ourense. Neste certame anual conseguiu grandes premios, xa que desde a súa incorporación en cuarta categoría foi ascendendo ata chegar a primeira categoría, sempre quedando nos primeiros postos. Na temporada 2008/2009 participou na segunda categoría, alcanzando o final o ascenso a primeira categoría.
A Banda está dirixida dende os seus inicios por Antonio Sanjiao.